MANUAL DE BOAS PRÁCTICAS PEFC :

CÓDIGO DE BOAS PRÁCTICAS DE SILVICULTURA

 O xestor forestal, ademais de cumprir a normativa actual aplicable no seus montes, comprométese a seguir e respectar o conxunto de recomendacións que se indican a continuación:

  1. Asegurarase a persistencia da masa arborada despois de cada aproveitamento, xa sexa por rexeneración natural ou artificial. Cando as especies principais da masa sexan autóctonas e se desexe manter a súa presenza empregarase, sempre que sexa posible, a rexeneración natural.
  2. Nas parcelas de máis de 25 ha arboradas fomentarase a aparición e mantemento de especies acompañantes ou alternativas á principal, especialmente frondosas autóctonas, no momento e localización que favoreza os obxectivos do Plan de xestión.
  3. As especies arbóreas que se van utilizar en repoboacións deberán ser adecuadas á estación forestal. O material xenético deberá proceder de orixes coñecidas e de garantía, rodais selectos ou hortos senlleiros.
  4. Os fertilizantes empregados nas plantacións serán os indicados para a actividade forestal e na dose recomendada, e unicamente se realizará o fertilizado continuado durante o crecemento e o desenvolvemento da masa forestal baixo xustificacións técnicas ou indicación do Plan de xestión.
  5. Deberase velar polo éxito do rexenerado e as plantacións e tomar as medidas oportunas para o seu correcto desenvolvemento.
  6. Adoptaranse as medidas necesarias para minimizar os impactos na vexetación que se vai conservar tras a corta ou o tratamento silvícola.
  7. Nos tratamentos fitosanitarios químicos empregaranse produtos e doses que estean legalmente autorizados. A súa utilización deberá xustificarse tecnicamente, e será aconsellable o emprego de técnicas de loita integrada sempre que sexa posible. O persoal que realice a aplicación de produtos fitosanitarios debe ter toda a formación obrigatoria por lei para a utilización destes.
  8. Deberanse evitar prácticas que fomenten a aparición de pragas ou enfermidades, efectuando, cando sexa posible, a trituración, esparexemento ou extracción dos restos vexetais obxecto de corta. Deberanse desinfectar os útiles de corta nas masas altamente sensibles a enfermidades e con alto risco de propagación. No caso de detectar algunha anomalía biótica ou abiótica tomaranse as medidas oportunas, incluso avisar a autoridade forestal competente.
  9. Deberase velar pola protección, mantemento e mellora das áreas de vexetación de ribeira.
  10. En parcelas de máis de 25 ha, minimizarase a realización de tratamentos silvícolas ou cortas que produzan graves impactos paisaxísticos.
  11. Cumprirase coa lexislación vixente aplicable a elementos culturais, e identificarase e comunicaráselle a quen corresponda a aparición de testemuñas prehistóricas, históricas e culturais dentro da unidade de xestión forestal. Tamén se procurará manter e recuperar a toponimia propia dos montes.
  12. Nos casos de realización de traballos silvícolas por conta allea, os labores encargaránselles a empresas de servizos forestais que aceptarán por escrito o presente Manual de boas prácticas.
  13. As empresas de servizos forestais que traballen na unidade de xestión deberán cumprir coa lexislación vixente en materia de riscos laborais, e dispoñerán de operarios e de equipos de seguridade homologados así como dos demais requirimentos de seguridade e saúde no traballo durante a execución das prácticas forestais. Igualmente, no uso de maquinaria débense cumprir as medidas de protección propias da máquina e de quen a manexa.
  14. Deberanse tomar medidas oportunas para optimizar a rede viaria forestal, minimizando o número de ramais cegos, evitar tramos de excesiva pendente e construír obras de drenaxe tecnicamente xustificadas que distribúan de forma adecuada as augas no monte. Deberáselle prestar especial atención ao estado das vías e camiños forestais tras a execución de labores, e deberanse restablecer, polo menos, as condicións de tránsito nas que se encontraban antes da realización da actividade.
  15. No caso de incendio forestal, deberanse seguir as indicacións da Administración forestal, procurando vixiar en época de máximo risco, informar inmediatamente en canto se detecte lume ou calquera conato de incendio ao Servizo de Defensa Contra Incendios Forestais (085 o 112) e, de ser necesario, segundo a lexislación vixente, seguir as indicacións do director de extinción.
  16. Deberase velar por manter a unidade de xestión libre de residuos artificiais causados polas actividades forestais. En caso de xerarse residuos perigosos, deberase respectar a normativa vixente. No caso de derramos sobre terra, extraerase a capa de solo afectado almacenándoa no seu correspondente contedor/bolsa e tratándoa como residuo perigoso. Ademais, procurarase o acondicionamento de zonas de limpeza para maquinaria e equipos.
  17. Na medida do posible, deberase minimizar a emisión de contaminantes atmosféricos (gases de combustión de maquinaria de equipos, po) e acústicos, e será aconsellable manter en perfecto estado a maquinaria e equipos, planificar adecuadamente os tempos de transporte, circular con moderación en aqueles lugares onde se xere po, respectar os límites de velocidade.
  18. Permitirase o uso social e recreativo dos bosques sempre e cando non perturbe a actividade forestal principal determinada polo xestor. Na medida do posible procurarase a multifuncionalidade de usos na unidade de xestión e o mantemento da biodiversidade.
  19. As unidades de xestión (montes ou grupos de montes) deberán contar cun instrumento de planificación que siga os criterios de xestión forestal sustentable.
  20. Velarase porque todos os axentes involucrados na xestión forestal sustentable cumpran coa lexislación vixente aplicable.

CÓDIGO DE BOAS PRÁCTICAS NOS APROVEITAMENTOS FORESTAIS

As empresas e operadores forestais, ademais de cumprir a normativa actual aplicable aos montes e en materia de conservación da natureza, comprométense a seguir e a respectar as recomendacións que se indican a continuación:

  1. As empresas de aproveitamento forestal, no transcurso da súa actividade na unidade de xestión, deberán contar con copia da documentación esixida pola Administración forestal competente para efectuar o aproveitamento (copia de autorización ou copia de solicitude realizada oportunamente, segundo sexa o caso).
  2. Nos aproveitamentos madeirables adoptaranse as medidas necesarias para minimizar os impactos na vexetación que se van conservar tras as cortas de rexeneración ou cortas de mellora, con particular coidado sobre a vexetación ripícola e sobre a flora singular existente na unidade de xes- tión. Igualmente se atenderá ás indicacións da propiedade ou dos plans de xestión, se as houbese, para non prexudicar a rexeneración da masa.
  3. Prestaráselle especial atención ao estado das vías e camiños forestais tras a execución dos seus labores, e deberanse restablecer as condicións de tránsito nas que se encontraban antes da realización da súa actividade. Para o exercicio da súa actividade utilizaranse os accesos autorizados pola propiedade.
  4. Deberanse evitar prácticas que fomenten a aparición de pragas ou enfermidades forestais. En calquera caso, cando detecten, durante a súa actividade na unidade de xestión, a aparición dunha posible praga ou enfermidade deberán advertir ao propietario do monte.
  5. Cando sexa posible e así o acorden coa propiedade, procederase á eliminación de restos, ben por trituración ou ben por extracción, procedentes da súa actividade na unidade de xestión.
  6. No transcurso da súa actividade na unidade de xestión, deben informar inmediatamente en canto detecten lume ou calquera conato de incendio, e avisar, no seu caso, aos servizos de prevención de incendios forestais (085 o 112).
  7. Ao desenvolver a actividade deberán evitar o vertido de produtos químicos na unidade de xestión, especialmente na proximidade de cursos de auga, canalizacións ou captacións, e cumprir, en todo caso, coa lexislación vixente na materia.
  8. Deberán cumprir coa lexislación vixente en materia de riscos laborais e estar provistos os seus operarios con equipos de seguridade homologados e demais requirimentos no transcurso da súa actividade na unidade de xestión.
  9. Na medida do posible, deberán minimizar a emisión de contaminantes atmosféricos (gases de combustión da maquinaria e equipos, po) e acústicos, e será aconsellable manter en perfecto estado a maquinaria e equipos, planificar adecuadamente os tempos de transporte, circular con moderación naqueles lugares onde se xere po, e en todo caso, respectar os límites de velocidade e posuír, cando corresponda, o marcado CE ou a ITV.
  10. No aproveitamento forestal deberá evitarse a produción de residuos non–forestais no transcurso da súa actividade. Os residuos sólidos deberán recollerse e depositar nun contedor apropiado. No caso de xerarse residuos perigosos efectuarase a manipulación ou o tratamento que esixe a normativa vixente ao respecto. No caso de derramo destas subs tancias sobre terra, extraerase a capa afectada, almacenándoa no seu correspondente contedor/bolsa, e tratándoa como residuo perigoso. Deberán acondicionarse, así mesmo, zonas para a limpeza de maquinaria e equipos.
  11. Os almacenamentos de madeira deben realizarse nos lugares designados ou acordados co propietario, e evitarlles posibles danos á vexetación, ás infraestruturas, cerramentos e elementos culturais.
  12. Durante a execución do aproveitamento forestal a empresa deberalle comunicar ao propietario a aparición de testemuñas prehistóricas e históricas así como de elementos de interese cultural para adoptar as medidas de protección necesarias.
  13. As empresas de aproveitamento forestal deberán informar ao propietario dos tratamentos que realicen nas superficies forestais terceiros subcontratados, e esixir o cumprimento das boas prácticas.
  14. As empresas de aproveitamento forestal deberán ser, antes do inicio da súa actividade dentro da unidade de xestión, informadas da presenza e situación de elementos catalogados de patrimonio cultural, da posible presenza de especies protexidas, árbores singulares, da pertenza total ou parcial a espazos protexidos, así como de calquera outra servidume que poida verse afectada polo traballo que se vai desenvolver. Así mesmo, as empresas seguirán todas as indicacións que ao respecto lles sexan dadas polo propietario e/ou xestor.
  15. Velarase porque os traballadores dispoñan da suficiente formación profesional para exercer a súa actividade. Nas novas contratacións procurarase seleccionar persoal dos diferentes niveis de formación forestal existentes.
  16. Nas zonas de alto risco de erosión ou arrastres de solo, por excesiva pendente, desprotección, inestabilidade ou proximidade a canles, adoptaranse os coidados e medidas oportunas para que as operacións de corta e saca de produtos madeirables non provoquen danos de difícil recuperación.